Informe sobre o estado dos parques infantís da Feira

Se algo abunda no centro da nosa vila é o mobiliario urbano deteriorado, que dá unha apariencia indebida tanto á hora de presentar os atractivos de Cuntis como do goce cotiá dos espazos públicos por parte dos veciños e veciñas. Unha das queixas máis reiteradas é o estado dos parques infantís que, como parte fundamental no desenvolvemento físico e social dos nenos e nenas de menor idade, precisan dun coidado moi detallado polas características especiais dos seus usuarios e usuarias.

Veciñanza canalizou as principais queixas e suxestións de nais e pais para elaborar un informe sobre o estado dos dous parques da vila máis usados polos cativos/as, os dous situados na Feira. Detallamos as deficiencias no cumprimento das normas de seguridade nos parques infantís, (tendo en conta a lei vixente ao respecto, que é: Decreto 245/2003, do 24 de abril, polo que se establecen as normas de seguridade nos parques infantís. DOG 89, venres 9 de maio de 2003) e que engadimos as suxestións pertinentes para a súa mellora. No noso compromiso de canalizar suxestións e aportar solucións, agardamos que estas sexan tidas en consideración polo Grupo de Goberno de Cuntis para dotar estes espazos da total confortabilidade para os máis cativos/as.

1-Entre os dous parques, con frecuencia circulan vehículos (non habendo estrada para iso), o que conleva un gran risco, pois hai nen@s que cruzan dun parque a outro, ou ben están xogando á pelota, coas bicis, paseando… xa que é un parque de uso e desfrute para as persoas, non unha rúa para tráfico rodado. Recollido no Artigo 3. Somos conscientes que hai excepcións, como festas e feiras.

2-Renovación dos carteis de sinalización suxeridas no Artigo 6, “Sinalización”, xa que non aparece reflexado (como ven recollido na orde):

>A situación do teléfono público máis próximo

>O número de teléfono do servizo encargado do mantemento e reparación de desperfectos do parque infantil.

3-É de urxente necesidade a colocación de máis papeleiras.

4-A única fonte que hai non funciona, debendo cumprir os requisitos recollidos no Artigo 5.2. (“As fontes e xogos de auga deben dispoñer sempre de auga potable. Si outros elementos naturais ou ornamentales do área de xogo non dispoñen desta, debe indicarse cun cartel ou dispositivo similar claramente visible”).

5-Detectanse xogos en mal estado, sendo perigosos para @s nen@s.

  • No parque destinado para as/os máis cativos/as (ata 6 anos), pódese observar o deterioro do chan do xogo “conxunto múltiple”, puidendo orixinar caídas.
  • A madeira que bordea o caucho, que serve para delimitar a área de xogo, nalgunhas zonas xa non a hai e noutras sobresae, podendo orixinar tropezos e caídas aos usuarios/as.
  • Na zona de xogos de 3 a 14 anos, os xogos para escalar presentan desperfectos, podendo orixinar accidentes. Un ten partes descolgadas e no outro a corda está desfeita, deixando o cable ao aire.
  • O caucho da zona das randeeiras ten buratos.

En relación ao mantemento e conservación, o Artigo 14 establece que “os titulares dos parques infantís serán responsables do seu mantemento e conservación, debendo realizar inspeccións e revisións anuais por técnicos competentes e con formación acreditada. En todo caso, será de aplicación a Norma UNE-EN 1176-7:1998 na que se definen os requisitos para a instalación, inspección, mantemento e utilización”.

A citada Norma, en canto a inspeccións, recolle a obriga de realizar como mínimo unha inspección ocular ao mes; unha funcional como mínimo cada tres meses (ou menos, se aí o establece o fabricante dos materiais e xogos) e unha principal cada ano. Sobre o mantemento, diferencia entre o mantemento “correctivo” (cada vez que haxa que correxir algún defecto ou restablecer o nivel de seguridade) e o mantemento “preventivo”, que deberá realizarse segundo as instrucións do fabricante, o plan do responsable do sistema de mantemento e as condicións locais.

Pola importancia do asunto, consideramos que debe dárselle especial importancia á revisión e mantementos destes espazos infantís, pero é imprescindible do mesmo xeito proceder de igual maneira no mobiliario deste tipo que hai no rural. Moitos deles atópanse en estado de abandono absoluto, cubertos pola maleza e inservibles. Reclamamos publicamente unha atención prioritaria para estas necesidades e que se proceda de inmediato ás labores de mantemento.

Share

Tamén pode gustarche...